"Ramón Llull foi un filósofo, poeta, místico, teólogo e misioneiro que naceu en Mallorca en 1232 e do que en 2015 se cumpriron 700 anos da súa morte. É considerado como un dos creadores do catalán literario. Ademais, atribúeselle a invención da "rosa dos ventos", baseada na descrición que fai Plinio o Vello na súa Historia Naturalis, e tamén do "nocturlabio", instrumento usado para determinar o tempo en función da posición dunha estrela concreta no ceo nocturno.
Coñecido entre outros sobrenomes por Doutor Iluminatus (doutor iluminado), foi unha das figuras máis avanzadas do seu tempo, sobre todo en teoloxía, literatura e espiritualidade.
Ramón Llull ingresou na corte do rei de Aragón como paxe dun dos seus fillos, o futuro Xaime II de Mallorca, pero axiña descubriron a súa gran capacidade intelectual e converteuse no seu preceptor. Mentres durou a súa estancia na corte, seica levou unha vida algo desordenada, ata que anos máis tarde sufriu unha auténtica transformación. Como el mesmo describe, tivo unha serie de visións de Cristo crucificado durante cinco noites seguidas, experiencia que o levou a abandonar a súa vida anterior, mesmo á súa muller e fillos, e dedicarse a predicar a palabra de Deus polo mundo.
Tras este periplo, retirouse a unha cova onde se entregou á meditación e á vida contemplativa. Finalmente ingresou no mosteiro cisterciense de La Real, onde os monxes lle aprenderon latín, gramática e filosofía, tanto islámica coma católica. A partir de entón, desenvolveu a súa actividade literaria.
Deixou unha extensa e variada obra de moi alta calidade, escrita en lingua lemosina (termo utilizado no século XIV para referirse á lingua catalá), árabe e latín. Algunhas destas obras son: Libro del gentil y los tres sabios, Blanquerna, Vida coetánea ou a súa obra máis importante El árbol de la Ciencia.
O selo que se emite para conmemorar o VII centenario da súa morte recolle a imaxe da escultura de Ramón Llull situada na fachada da igrexa de San Miquel en Mallorca e, como fondo, a imaxe do seu Ars Brevis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario