4 de nov. de 2016

Hipatía


Hipatia de Alexandría está considerada a primeira muller científica da historia. Nada menos.

Educada na ciencia polo seu pai, o filósofo e matemático Teón de Alexandría, dedicou a súa vida á astronomía, a filosofía, as matemáticas...

Froito diso foron os seus extensos traballos (destruídos, pero amplamente citados) sobre álgebra ou xeometría... a súa revisión de teorías doutros grandes matemáticos como Euclides, ou astrónomos como Tolomeo... Deseñou instrumentos como o astrolabio plano, que serve para medir a posición das estrelas, os planetas e o Sol, ou un hidroscopio que medía a presenza e nivel da auga...

Nun mundo dominado por homes, unha muller dedicada á investigación e á difusión dos seus coñecementos.

O enfrontamento entre relixión e ciencia, paganismo e cristianismo en auxe, arrastrárona a unha morte cruel á mans de cristiáns fanáticos que non aceptaron a súa negativa a converterse ao cristianismo.

Decía o filósofo grego Sócrates sobre ela: "Había unha muller en Alexandría que se chamaba Hipatia, filla do filósofo Teón, que logrou tales alcances en literatura e ciencia, que sobrepasou en moito a todos os filósofos do seu tempo. Sucesora da escola de Platón e Plotino, explicaba os principios da filosofía aos seus oíntes, moitos dos cales viñan de lonxe para recibir a súa instrución."

Científicas Galegas

Lendo historias de medo






Artigo relacionado: Fotos do Samaín

2016 Ano Internacional dos Legumes

Libros sobre a Ciencia en Galego

3 de nov. de 2016

A árbore da escola

"Kalandraka tira do prelo  "A árbore da escola", do ornitólogo e naturista galego Antonio Sandoval ilustrado por Emilio Urberuaga dentro da súa colección Demademora. Trátase dun álbum ilustrado cheo de amor, de amor pola natureza, de como a maxia do amor e dos coidados poden facer que todo abrolle
Da lectura, ateigada de valores como o compañeirismo, o traballo en equipo, a amizade, o respecto o medio e o amor, destaca a idea principal de que todas podemos cambiar as cousas e propagar o ecoloxismo, que somos un chanzo máis e que xuntas podemos construír unha enorme escaleira.

2 de nov. de 2016

Harry Potter y el legado maldito

Da Wikipedia: "Harry Potter e o legado maldito (título orixinal en inglés, Harry Potter and the Cursed Child) é unha obra de teatro de West End dividida en dúas  partes, escrita por Jack Thorne e baseada nunha nova historia orixinal da autora J. K. Rowling.  O guion dos ensaios, e non unha novelización da obra, púxose á venda o 31 de xullo de 2016 e converteuse na oitava historia ambientada no universo de Harry Potter. A obra sitúase dezanove anos despois da conclusión de Harry Potter e as reliquias da morte, e segue a vida de Harry Potter, agora un empregado do Ministerio de Maxia, e o seu fillo menor Albus Severus Potter.

O Poder de Amabel

Todos os membros da familia de Amabel teñen superpoderes: unha forza descomunal, a velocidade do raio, unha abraiante intelixencia ou mesmo a capacidade de facerse invisible. Pero Amabel aínda non sabe cal é a súa habilidade extraordinaria. Para descubrilo, embarcarase en aventuras ben peculiares.

Pregón de Ledicia Costas no Día Das Bibliotecas

"O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas. "  Fonte "Bibliotecas Escolares"
 Aquí temos o pregón na versión orixinal en galego de Ledicia Costas:   

"Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 
Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 



Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:



—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?



Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas! "

Artigos relacionados : Lendo Braille no Día das Bibliotecas   - Vagalumes na escuridade