15 de out. de 2015

"Bala Perdida" de Manolo Rivas

Bala Perdida é un vello pirata dos últimos que navegan polo Atlántico europeo e Rosa Ribeiro é unha xornalista moi nova e valente que dirixe o Celtic News, un xornal moi peculiar. Cando escribe utiliza o pseudónimo Ganso Salvaxe. Bala Perdida coñece a Ganso Salvaxe e amósalle o tesouro maldito gardado nunha grandiosa cova mariña. Aquel tesouro era parte da riqueza roubada polos nazis a prisioneiros internados nos campos de concentración.
Pero non era un tesouro como os demais, senón que procedía de fundir os dentes e as moas de ouro arrincados aos miles de prisioneiros xudeus asasinados con gas e logo queimados nos fornos do campo de concentración. Antes de terminar a guerra esta parte do botín nazi foi cargada nun submarino e levada a un lugar de África. Alí permaneceu oculta ata que o malvado Herr Doktor, único sobrevivente coñecedor do segredo, volveu para recuperar o tesouro.
Bala Perdida quere atopar aos descendentes das vítimas e devolverlles o ouro maldito. Para iso necesita que Rosa conte a historia de tesouro no seu xornal. E así o fai a moza. Ao decatarse o malvado Herr Doktor, Rosa é secuestrada e a punto está de morrer nun manicomio. Menos mal que Bala Perdida e os seus homes non están dispostos a consentilo.

Ningún comentario: