06/11/2016

"Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría medio pan e un libro."


Discurso pronunciado por Federico Garcia Lorca na inauguración da biblioteca do seu pobo natal, Fonte Vaqueiros, en 1931.

"Cando alguén vai ao teatro, a un concerto ou a unha festa de calquera índole que sexa, se a festa é do seu agrado, lembra inmediatamente e lamenta que as persoas que el quere non se atopen alí." O que lle gustaría isto á miña irmá, ao meu pai", pensa, e non goza xa do espectáculo senón a través dunha leve melancolía. Esta é a melancolía que eu sinto, non pola xente da miña casa, que sería pequeno e ruin, senón por todas as criaturas que por falta de medios e por desgraza súa non gozan do supremo ben da beleza que é vida e é bondade e é serenidade e é paixón.

Por iso non teño nunca un libro, porque regalo cantos compro, que son infinitos, e por iso estou aquí honrado e contento de inaugurar esta biblioteca do pobo, a primeira seguramente en toda a provincia de Granada.

Non só de pan vive o home. Eu, se tivese fame e estivese desvalido na rúa non pediría un pan; senón que pediría medio pan e un libro. E eu ataco desde aquí violentamente aos que soamente falan de reivindicacións económicas sen nomear xamais as reivindicacións culturais que é o que os pobos piden a berros. Ben está que todos os homes coman, pero que todos os homes saiban. Que gocen todos os froitos do espírito humano porque o contrario é convertelos en máquinas ao servizo de Estado, é convertelos en escravos dunha terrible organización social.

Eu teño moita máis mágoa dun home que quere saber e non pode, que dun famento. Porque un famento pode acougar a súa fame facilmente cun pedazo de pan ou cunhas froitas, pero un home que ten ansia de saber e non ten medios, sofre unha terrible agonía porque son libros, libros, moitos libros os que necesita e onde están eses libros?

Libros! Libros! Fai aquí unha palabra máxica que equivale a dicir: "amor, amor", e que debían os pobos pedir como piden pan ou como anhelan a choiva para as súas sementeras. Cando o insigne escritor ruso Fedor Dostoyevsky, pai da revolución rusa moito máis que Lenin, estaba prisioneiro na Siberia, afastado do mundo, entre catro paredes e cercado por abatidas chairas de neve infinita; e pedía socorro en carta á súa afastada familia, só dicía: "Enviádeme libros, libros, moitos libros para que a miña alma non morra!". Tiña frío e non pedía lume, tiña terrible sede e non pedía auga: pedía libros, é dicir, horizontes, é dicir, escaleiras para subir o cume do espírito e do corazón. Porque a agonía física, biolóxica, natural, dun corpo por fame, sede ou frío, dura pouco, moi pouco, pero a agonía da alma insatisfeita dura toda a vida.

Xa dixo o gran Menéndez Pidal, un dos sabios máis verdadeiros de Europa, que o lema da República debe ser: "Cultura". Cultura porque só a través dela se poden resolver os problemas en que hoxe se debate o pobo cheo de fe, pero falto de luz."  Fonte 

Ningún comentario: